martes, 30 de abril de 2019

Presentación do Trail O Vicedo


Hoxe ás 11h presentouse na Casa da Cultura do Vicedo o Trail do Vicedo, que contará con tres categorías: Trail curto de 15 km, Trail longo de 25 km e andaina popular de 15 km. Na mesma participaron o Alcalde Presidente do Vicedo, D. José Jesús Novo Martínez, persoal do Concello e integrantes de Peña Lar de Viveiro, que colabora na organización do evento.


Na presentación destacouse que a 20 días da celebración do evento está aumentando moito o número de inscritos pero aínda quedan prazas libres (por cuestión de seguridade e loxística vaise limitar a participación a 125 persoas por categoría). Tamén se destacou como punto forte do trail a beleza das paraxes onde van discurrir as distintas probas, auténtico punto forte tanto do Concello de O Vicedo, como do resto da Mariña de Lugo. Lembrouse que a proba pasará por sitios tan emblemáticos a nivel turístico e paisaxístico como Fuciño do Porco e as praias de Area Grande, Xilloi, Caolín e Vidreiro.  Coa celebración destas probas preténdese incrementar a oferta deportiva do Concello, que se une a outras actuacións como a adecuación e mantemento das rutas de sendeirismo homologadas e non homologadas actuais no Vicedo (PR-G 156 Costa de O Vicedo, Sendeiro azul Abrela-Punta Socastro, Camiño natural Ruta do Cantábrico e a PR-G 8 Morgallón – Río Sor – Morgallón, que non está neste trazado pero que tamén pertence a este Concello). Por tanto, a habilitación destas rutas serve non só para acoller a sendeiristas senón para acoller probas como estas, que agradecen moito que haxa rutas xa establecidas que facilitan a creación de trazados deportivos.Por outra banda, esta proba pretende mostrar un dos puntos fortes turísticos do concello, a costa de O Vicedo, que será percorrida de leste a oeste pasando por lugares tan emblemáticos no ámbito do turismo como Fuciño do Porco, Area Grande, mirador de Coelleira, Xilloi e Caolín. Ademais, elixiuse unha data que coincide coa ponte do Día das Letras Galegas, que se pretende que facilite a participación de deportistas de toda Galicia, que non só veñan a competir, senón que pasen tamén algún día máis visitando a zona.




miércoles, 3 de abril de 2019

Celebración do Día Internacional do libro infantil e xuvenil nas Bibliotecas do Vicedo (Municipal e escolar)


Este ano fixemos unha actividade conxunta entre a Biblioteca Pública Municipal do Vicedo e a Biblioteca Escolar do CEIP do Vicedo. Pola mañá, no colexio, fíxose unha lectura por grupos onde os nenos maiores lían libros aos pequeniños e estes contaban a súa versión do que podían observar en certos libros. Ao final fíxose unha foto de grupo onde os nenos portaban unha mensaxe.
Pola tarde, na biblioteca municipal, fíxose unha lectura conxunta entre nenos e adultos cunha selección de varios libros infantís e xuvenís que tocaban unha temática similar: A natureza.